Dieta Atlántica: Tradicional, Saudable e Sostible
“Dieta Atlántica: Tradicional, Saudable e Sostible”. Este é o título da conversa coa catedrática en Pediatría e Presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis, na que se aborda a importancia da Dieta Atlántica, a dieta dos nosos avós, como promotora de saúde. Destaca así mesmo que este patrón alimentario forma parte dun modelo de vida tradicional que tamén inclúe a práctica diaria de actividade física, o desfrute arredor da mesa e a conservación das nosas tradicións culturais e gastronómicas.
Ao longo da conversa, a doutora pon de manifesto o progresivo abandono destes hábitos tradicionais nas novas xeracións e o consecuente aumento de enfermidades como o sobrepeso e a obesidade xa na idade pediátrica. Destaca que, de continuar esta tendencia, os nenos e nenas actuais poderían vivir menos que os seus pais e avós, ou polo menos cunha peor calidade de vida.
Por todo isto, Rosaura Leis, fai un chamamento á necesidade de transmisión da nosa tradición culinaria, o control dos hábitos tóxicos, e a promoción dun patrón de vida saludable.
Esta conversa tivo lugar no marco do proxecto POCTEP New Heart, e foi financiada pola Fundación Dieta Atlántica e polo Fondo Europeo Rexional – FEDER a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.