A Fundación Dieta Atlántica constitúese, por tempo indefinido, o 11 de maio de 2007, ao abeiro do artigo 34 da Constitución Española e rexese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e polas disposicións legais aplicables en materia de fundacións.
Foi declarada Fundación de interese sanitario na Orde do 11 de xullo de 2007 (DOG 19/07/2007) e tamén de interese galego na Orde do 20 de setembro de 2007 (DOG 10/10/2007).
Esta Fundación xurde co obxecto de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación.
A promotora da iniciativa foi a Universidade de Santiago de Compostela e a Presidencia da mesma recae no Reitor desta Universidade.
O ámbito territorial da Fundación é preferentemente a Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de que as súas actuacións abranguen a todo o Estado Español, así como no seu caso ao estranxeiro, sempre que teñan relación co seu fin fundacional.